domingo, 3 de abril de 2011

Igualdade presentou 'Fíos violeta', un recurso didactico que parte do cine como portador de valores e contravalores sociais

Santiago, 14 de Decembro de 2010.- A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, presentou hoxe, no IES Rosalía de Castro de Santiago, a unidade didáctica “Fíos Violeta: convivir en igualdade”, da que é autora a profesora María Hermelo, e que ten como obxectivo lograr que rapazas e rapaces sexan capaces de reflexionar desde a aula, e a través de material cinematográfico, sobre a secular desigualdade das mulleres, aquí e en tantas outras sociedades e culturas do mundo.
Na presentación, ademais da secretaria xeral da Igualdade e da autora da obra, estiveron o director do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda, e a profesora dese mesmo centro Elena Gómez Galkina, que tamén coordinou a edición do traballo, así como os alumnos e alumnas de 4º curso da ESO.
Na súa intervención, Marta González, lembrou que hoxe en día “a escola e os medios de comunicación son dous dos principais medios polos que as persoas, a xente máis nova, coñecen o mundo que lles rodea, máis aló da experiencia persoal e inmediata, en toda a súa complexidade” e “propoñen modelos de comportamento que son tomados como referentes por toda a sociedade”, por iso, e necesario que a escola, ademais de proporcionar unha serie de coñecementos esenciais en materias diferentes, “ensine a pensar criticamente, educando persoas para o exercicio dunha cidadanía tolerante, responsable e, queremos crer tamén, máis igualitaria e solidaria”.
A influencia dos medios de comunicación non sempre é positiva na desaparición das ideas preconcibidas sobre mulleres e homes; moitas veces seguen mantendo unha imaxe estereotipada das mulleres destinada ao estímulo e incentivo comercial nesta sociedade de consumo, por iso “é importante que o profesorado ensine a xente mais nova que ‘entender’ é algo distinto do mero ‘ver’”, sinalou a responsable de igualdade do goberno galego.
Neste sentido vai a unidade didáctica Fíos Violeta, na que a profesora María Hermelo ten traballado na procura de material cinematográfico a través do cal reflexionar desde a aula sobre a secular desigualdade das mulleres, aquí e en tantas outras sociedades e culturas do mundo.
“Esa desigualdade”, sinalou González, “desemboca na maioría dos casos na violencia contra as mulleres precisamente por seren mulleres, aquela que chamamos violencia de xénero, da que temos múltiples exemplos en tantos sitios do mundo”.
Fíos Violeta: Convivir en igualdade
A unidade didáctica Fíos Violeta:Convivir en igualdade está destinada ao profesorado e alumnado de educación secundaria obrigatoria, e foi deseñada dende unha perspectiva interdisciplinar, non pertence a ningunha disciplina concreta e pódese abordar dende a acción titorial, o currículo de Ética ou de Educación para a Cidadanía ou entroncalo con calquera outra área curricular. Ao mesmo tempo non é un material exclusivo da educación formal, a súa versatilidade permite a posta en práctica en calquera outro contexto onde o obxectivo de educar a favor da igualdade sexa prioritario.
A profesora Hermelo explicou que, sendo consciente da omnipresencia dos medios de comunicación e a preponderancia da imaxe audiovisual como axentes principais da construción, representación e valoración da realidade social, optou por partir do cine como recurso formativo, afondando no discurso da imaxe como portadora de valores e contravalores socioculturais.
As ficcións audiovisuais apelan directamente ás emocións, buscan que mozas e mozos empaticen coas realidades visualizadas e se convertan en persoas activas capaces de modificar as propias actitudes e construír unha xerarquía de valores singular e persoal. Por iso, Fíos Violeta convida á reflexión guiada nun contorno multisensorial a través da imaxe de varias películas coñecidas, textos e novas de actualidade sobre os mesmos temas tratados nas películas, coa finalidade de cuestionar crenzas e posicionamentos sobre o feminino e o masculino, en todas as culturas.
A presentación dos contidos temáticos responde a criterios que van dende o máis próximo á realidade do alumnado ata o máis afastado, son, en resumo, un conxunto de realidades todas presentes na vida cotiá de mozas e mozos que con frecuencia pasan desapercibidas e se asumen como “naturalizadas”.
A finalidade última de Fíos Violeta •”é lograr que rapazas e rapaces comprendan criticamente o mundo no que viven e actúen con criterio na procura do benestar individual e colectivos; mais para ser quen de actuar con criterio cómpre coñecer e xestionar as propias emocións”, explicou Hermelo.
Marta González rematou a presentación lembrando que “só a través do compromiso de todas as persoas, e moi particularmente da xente mais nova, seremos capaces de transformar o cotián; para a educación de persoas respectuosas e tolerantes coa diferenza e a diversidade” o que “é tanto como dicir que estaremos traballando para a desaparición da desigualdade e polo tanto para a erradicación da violencia de xénero”